ACTUALIDADEspañol
SSSIIO NoticiasNoticias enlazadas con sus fuentes originales
La actualidad, más cercaTitulares actuales con atribución clara a cada medio.
Economía

Alonso Montero, Beiras e Méndez Ferrín: neste 2026 deixáronnos sós

Alonso Montero, Beiras e Méndez Ferrín: neste 2026 deixáronnos sós Cando empeza un ano, un nunca sabe como rematará, que se aprenderá, que veremos, porque a vida vén sendo un sobresalto permanente e un proceso que remata como di Manoel Antonio en De Catro a Ca

Imagen ilustrativaImagen ilustrativa

Alonso Montero, Beiras e Méndez Ferrín: neste 2026 deixáronnos sós

Cando empeza un ano, un nunca sabe como rematará, que se aprenderá, que veremos, porque a vida vén sendo un sobresalto permanente e un proceso que remata como di Manoel Antonio en De Catro a Catro: “E ficamos nós sos,/ sen o mar, sen o barco,/ nós”.

Este 2026 foi un inesperado remate de ciclo para Galicia. Quedámonos sen capitáns. Non sei se as vindeiras etapas permitirán cumprir aquel soño de Álvaro Cunqueiro de mil primaveras máis para Galicia. Teño medo. Galicia e o idioma galego son algo inescindible e definidor; historia e xeografía compoñen un xeito de ser que se expresa no idioma que, agora mesmo, está en perigo.

O 2026 arrebatounos aos tres colosos inquebrantables que quedaban na defensa de Galicia e o galego, na defensa nosa: Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Beiras Torrado e Xosé Luís Méndez Ferrín. Os últimos adaís, os derradeiros príncipes, aínda que seguramente traizoados por tropas cegadas. Eles entendían esa defensa de Galicia non só dende posicións políticas de esquerda, senón firmes nunha atalaia inexpugnable común a todo o movemento galeguizador desde Rosalía, as Irmandades da Fala, Castelao, Otero Pedraio: o coñecemento, a cultura; coa poderosa arma dunha bagaxe intelectual extraordinaria.

Xesús Alonso Montero (1928-2026), sociolingüista do idioma dos pobres, de pais labradores do Ribeiro, viviu de neno a diferencia social que marcaba a lingua ao darse conta de que non tiña dereito a falar no idioma do fillo do médico de Ribadavia. O seu destino ía ser traballar as viñas, pero unha enfermidade fixo que o pai, que o vía espelido, sentenciase que se non valía para outra cousa, que estudiase. Converteuse nun erudito: filólogo, poeta, ensaísta, catedrático, presidente da Real Academia Galega; membro do PC desde 1962: dicía que o malo que sucede no mundo é pola cobiza e a voracidade do capitalismo. Defendía Galicia desde a forza dunha cultura enciclopédica.

Deixounos tamén desamparados Xosé Manuel Beiras (1936-2026), que estudiara Dereito en Santiago e na Sorbona, simultaneamente con Lingua e Literatura francesa; e Economía na Escola de Londres. Foino todo, incomprendido incluso. Igual que Alonso Montero, desde a torre irredutible duns coñecementos inabarcables. Estiven cerca del só en dúas ocasións: unha nun restaurante de Santiago, na compañía de Paco Trigo. Quedei admirado do seu saber. Nunha delongada sobremesa eu, atrevido, quixen meter baza e derivei a conversa ás dornas pensando que el non coñecería o tema. Imposible: sabíao todo, cada peza, o nome e orde das táboas, ou como navegar nelas de bolina como fixera el por Bueu. Calei e escoitei. A derradeira vez que o vin foi o pasado 5 de xullo na Casona da Torre de Redondela na entrega dos Premios Lois Peña Novo. Eu formaba parte do xurado e, a proposta de Xosé González Martínez, outorgóuselle ese recoñecemento. Elegante e apoiado nun fermoso bastón subiu ao estrado e, como quen non quere a cousa, axudounos a entender deleitándonos co seu verbo apaixonado. Un titán que dicía que un dos problemas da situación crítica da política galega era a ausencia de valores culturais.

Esta mesma semana fóisenos outro xigante, Xosé Luís Méndez Ferrín (1938-2026). “Fun meniño en Ourense e en Vilanova dos Infantes, adolescente en Pontevedra, en Vigo madurei”: Doutor en Filoloxía, catedrático, presidente da Real Academia Galega e cun enfoque político iluminado desde o faro da cultura: poeta, ensaísta, novelista, xornalista, docente; a “voz máis alta do último medio século”, como dixo o profesor F. Ramallo.

2026 déixanos orfos e dá paso a outra época. O futuro será sen xigantes para amparárannos. Máis ben quedamos espremidos por ananiños que só insultan ao discrepante, arman barullo e trepan, reptando, por cadansúa organización política. O de acadar un nivel cultural para ensinarnos a entender e amar Galicia dá moito traballo. Por outra banda, é mais fashion falar castelán e teimar pola simpleza de que o centro do mundo é Madrid. Quen sabe que traerá 2027. @mundiario

Fuente: MUNDIARIOLa imagen ilustrativa no documenta la noticia.
Leer en la fuente original ↗